Marta conde Deseñadora gáfica rgaliciaá

Ola, hai alguén?

Hoxe é un día grande! Despois de moito tempo pensando e repensando, decidín  colocar no menú da miña páxina web a temida palabra “blog”.

E diredes vos… porque tan temida? pois explícome, darte de alta como ” blogueira oficial”, e tomándose o tema coa seriedade que require, precisa adicación  e tempo para crear contidos de calidade que podan aportar solución e vos resulten útiles para as vosas marcas e produtos. Agora mesmo  a miña vida atópase nestas coordenadas: Marta, 37 tacos, autónoma  e mamá dunha nena de 16 meses, o que se di tempo, sobrar non me sobra. Pero aínda así tiña a necesidade de aportar o meu punto de vista ou contrapunto de vista a este mundo tan acelerado de corre corre no que todo é tan efémero e no que consumimos imaxes ao mesmo tempo que respiramos.
As veces parece que falta oxíxeno, así que, relaxémonos un pouco, preparemos un té e sigamos….
Como vos decía, isto é un post de presentación e nesta ocasión podo permitirme o luxo de esbardallar un chisco, de xeito informal, de moita utilidade non vos é pero así coñecédesme algo máis.

(música de volver ó pasado)
Dende que era pequena sempre me gustou o mundo da arte, un dos agasallos que lembro con máis cariño daquela época foi o Maletín de desea Smooby (as que nacestes nos 80 seguro que o lembrades) viña cargadiño de  lapis, rotulas e acuarelas. Recordo  non querer empregar as cores para non estragarlles a punta e que así, permanecerán eternamente impecables, a miña mente cuadriculada e de organización máxima empezaba a aflorar.
Crecín en Manzaneda un pequeno pobo do macizo central ourensán (as que non coñecedes, recomendabilísimo visitar, sobre todo en outono a montaña transfórmase e ten unha luz especial) e aquí o común non era estudar Belas Artes así que o máis próximo e alcanzable -despois de aborrecer aquel  insufrible BUP-  foi ir a escola de Arte e Oficios, hoxe Escola Superior de Deseño (o nome campa moito máis!) e alí empezou todo. Ir a aulas para facer esculturas de barro, debuxo ao natural,  ou empezar a dar pequenos pasos no Freehand (o papá de Illustrator) naqueles I-mac con forma de ovo… para min non era estudar, era gozar a tope!! E abofé que a semente quedou ben prendida en min porque xa non desviei o rumbo dende aquela e as veces penso que volvería a escola mañá mesmo se poidese, pero deixareino para cando me xubile.

Resumindo: despois de anos de formación aquí e aló incorporeime rápido ao mundo laboral, tiven sorte porque daquela eran anos de vacas gordas e Xacobeos, había traballo para todo aquel que quixese traballar. Eu, daquela viña de subidón, os tempos de formación entre pinceis e xoves universitarios tíñanme instalada no limbo pero pronto recibín o meu primeiro azoute de realidade: nunha axencia de comunicación ensínanche rapidamente que os proxectos aos que lle adicabas un trimestre na escola aquí tes que resolvelos en tres días…zasca!! Agora lembro con cariño aquela primeira etapa, naquel momento foi difícil pero penso que moi necesario para ser unha boa profesional e facer ben o meu traballo nun tempo axustado e próximo a realidade.
Transcorrido o tempo de ir e vir, fai 3 anos decidín tomar eu as rendas e ser a miña propia xefa facéndome autónoma, a lo loco!! en plena crise decido emprender unha nova aventura… e isto que significa? Pois que cada fin de mes te cruxen independentemente de que ese mes fose ben ou non, estiveras de baixa por maternidade ou non, un alieníxena te abducira ou non… a isto súmalle impostos, ives, gastos derivados da túa actividade, poñerte ó día en administración,…. sen deixar de lado ó que realmente te adicas: deseñar.
Zasca! segundo azoute de realidade.

Así que nestes últimos anos fíxenme “pro” na arte de afiar a creatividade e o olfato para rodearme de persoas cuxos proxectos me permiten vivir e sobre todo alimentar a miña alma. Proxectos de persoas nas que creo, artesáns auténticos con produtos de calidade nos que son partícipe día a día e vexo como medran. Síntome orgullosa de contribuír a crear un mundo comercial máis auténtico, veraz e sostible, penso que neste tema teño moito que aportar e quédame moito por andar.
Tampouco quero alargar moito máis esta primeira entrada, espero que vos guste este caderno de bitácora que hoxe, coincidindo co día internacional da muller rural (siii existimos, resistimos!!) inauguro.  Se queredes seguir léndome por aquí, nas redes sociais ou subscribirvos ao boletín de novas seredes benvidas!!  estaremos en contacto e irémonos coñecendo pouco a pouco.
Nas vindeiras entradas prometo profundar no tema que nos ocupa, e aportar consellos, noticias ou puntos de vista que sexan de utilidade para as vosas marcas, proxectos ou produtos, todo o que este nas miñas mans e poda aportar, fareino!
Grazas!

Comments (7)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *